Friday 10 de May de 2024

O Concello de Lousame entrega os diplomas acreditativos do programa “Xeración 20=22”


A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, entregou os diplomas acreditativos do programa “Xeración 20=22”, unha iniciativa de promoción da empregabilidade feminina organizado polo Concello de Lousame e financiado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Igualdade.

“O obxectivo deste obradoiro de capacitación e empoderamento dixital era non so superar a fenda dixital de xénero, senón reconectar ás mulleres co pracer de aprender, facer que se acheguen ás novas tecnoloxías e melloren a súa capacidade á hora de buscar un emprego. E penso que así o conseguimos, pois me consta que foi un curso moi ben aproveitado”, apuntou Silvia Agrafojo durante o acto de entrega de diplomas, celebrado no salón de plenos do Concello de Lousame.

Un acto ao que non puideron asistir todas as alumnas, pois algunhas delas se atopan traballando polo que lles será enviado o diploma por correo. O programa “Xeración 20=22” incluíu un total de tres obradoiros e estivo restrinxido a grupos dun máximo de 10 mulleres, para así poder garantir unha formación personalizada e eminentemente práctica. Os tres obradoiros impartidos foron:

– “Xeración 20=22. Emprego”, un obradoiro de motivación e orientación para a busca de emprego no que as alumnas aprenderon dende como preparase para unha entrevista de traballo ata como crear unha marca persoal.
– “Xeración 20=22. Dixital”, un obradoiro de introdución á informática e ás novas tecnoloxías, que foi o máis demandado.
– “Xeración 20-22. Autoemprego”, uns obradoiros de e-commerce e marketin dixital dirixidos a mulleres emprendedoras para mellorar a súa idea de negocio e adaptala á situación actual.